Mesa de renda: os prexuízos clasistas da Dirección da AEAT frustran a posibilidade de acordo

Xoves, 13 Feb 2025

Remata sen acordo a reunión da comisión para negociar a campaña de renda. A dirección da AEAT non quixo estudar nin sequera a posibilidade de facer unha suba liñal da retribucións para todos os participantes na campaña de renda: a maior subida estaba prevista para os coordinadores, a menor subida para o persoal de apoio e operadores.

Desde a CIG defendemos unha suba liñal das retribucións: que suban igual para todos, que xa se retribúen de distintos modos as distintas responsabilidades de cada un dos actores da campaña de renda. A dirección da axencia tributaria negouse. Os directivos da AEAT continúan con esa visión clasista de que gañe todo a minoría que dirixe a axencia á conta da inmensa maioría dos traballadores e traballadores. Semellan non entender que sen o resto das persoas que participan na campaña- operadores, persoal informático e de apoio... sinxelamente non é posíbel desenvolver a campaña de Renda

Alguén entendería que, nos orzamentos xerais do Estado figurase unha suba de retribucións para o funcionariado e que fose do 5% para os grupos A1, do 4% para os A2, do 3% para os C1, do 2% para os C2.... Non, verdade? E se non ten sentido para isto, porque ía telo para a campaña de Renda?!
Agora será a dirección da AEAT quen regule de maneira unilateral as condicións de participación na campaña de renda. A ver se non teñen a tentación de recuperar a avaliación de desempeño que quixeron colar no acordo e que só de cara á xuntanza de hoxe aceptaron retirar...

Para a CIG é lamentable que a dirección da AEAT xogue coa precariedade do persoal para sacar unha campaña de renda cunhas condicións claramente peores que as que fixaba o acordo de 2018, co que subiu o custo da vida desde entón. Que en canto toca falar de cartos, sempre abusan da precariedade da maioría do persoal para non negociar e admitir unhas retribucións dignas. Mal precedente é este para comezarmos a falar da actualización do Acordo de Carreira....