
Mesa técnica do acordo de carreira: a AEAT non se molla sobre a redefinición dos cursos selectivos de promoción interna

Celebrouse unha reunión da mesa técnica de seguemento do Acordo de Carreira para tratar a Promoción Interna. É a primeira mesa que se celebra tras o acordo de saída do conflito
A Directora de RRHH recoñeceu de entrada que se trataba dunha xuntanza introdutoria e ofreceu unha escueta presentación de power point sen apenas ningunha modificación con respecto ao que xa hai
Así, por exemplo, continúa a excluír a promoción interna ao A1 ou alude a un compromiso vago sobre a posibilidade de facer parte do curso selectivo para acceso ao CTH de xeito telemático, mais inzado de condicionantes (cando sexa posibel, garantindo os mesmos contidos para todas as persoas que o cursen...) e con vaguidade tamén á hora de comprometer contidos “máis prácticos”.
Na CIG Temos claro que o formato actual da promoción interna non está a funcionar, e que o deseño e contido das probas son practicamente os mesmos que para a quenda libre (con algún pequeno matiz, pero que non supón liberación de practicamente nada). Tamén temos claro que cómpre ir alén do acordo de criterios de promoción interna que firmaran CSIF e SIAT coa AEAT, que non supuxo tampouco cambios de calado na última convocatoria
Dende a CIG, reiteramos as propostas que vimos poñendo sobre da mesa desde hai tempo:
- Simplificación e reforma dos procesos selectivos de promoción interna, reducindo temarios e probas, a todos os grupos, sexan C1, A2 ou A1
- Con respecto aos cursos selectivos unha vez aprobado o proceso selectivo, dende a CIG propoñemos que se celebren en formato mixto telemático e desconcentrado. Para a maioría das persoas que superan os exame é un trastorno moi importante ter que ir facer o curso a Madrid, tanto por cuestións de conciliación e de compaxinar os gastos fixos de vivenda que xa teñen como co problema engadido que supón o problema de aloxamento que hai en Madrid. Por este motivo, na CIG defendemos que se impartan de xeito descentralizado a nivel de Delegación Especial- non hai moito que o IEF aínda impartía este tipo de formación na Coruña. Neste asunto o único que propón a Administración é que pretenden facer o curso con un contido máis práctico e que se promoverá a súa realización nunha dobre modalidade presencial e telemática, sempre que se poida asegurar o mesmo nivel, calidade e adquisición de coñecementos e habilidades requiridos. Tamén falan da posibilidade de reducir a duración global destes cursos para o persoal de Promoción Interna
- Con respecto á formación, dende a Administración non nos propuxeron nada. Dende a CIG propoñemos que o La Academia ofreza formación para todos os procesos de promoción interna da AEAT, sexan para persoal funcionario ou laboral, e sexa para o subgrupo que sexa
O próximo xoves día 12 temos outra reunión na que continuaremos a insistir en todos estes puntos