Millóns para consultoras, máis carga de traballo para o persoal do SEPE

Sábado, 15 Ago 2026

O SEPE licita máis de 5 millóns de euros en asistencia externa

mentres continúan sen cubrirse as vacantes de persoal.

 

O SEPE vén de sacar a licitación un novo contrato para a mellora do sistema de xestión

das prestacións por desemprego, cun valor estimado superior aos 5 millóns de euros e

unha duración que poderá chegar aos cinco anos.

 

O contrato pretende cubrir necesidades relacionadas coa análise de procesos, o

seguimento do sistema de protección por desemprego, a resolución de incidencias, a

definición de requisitos funcionais, a implantación de melloras tecnolóxicas e o

asesoramento especializado.

 

A pregunta é: para que serve a gran estrutura directiva do organismo se moitas

destas funcións acaban sendo privatizadas?

 

Nun SEPE que conta con numerosos postos de dirección, subdireccións xerais e

provinciais, áreas de coordinación e postos de responsabilidade, resulta difícil entender

que tarefas de planificación, análise, seguimento e mellora da xestión teñan que ser

asumidas por empresas privadas. Máis aínda cando unha parte significativa destes

postos son ocupados mediante sistemas de libre designación ou comisións de servizo,

fórmulas que deberían garantir precisamente a existencia de persoal cualificado para

asumir este tipo de responsabilidades.

 

Unha vez máis, a dirección do organismo e a do Ministerio parecen optar por gastar

millóns de euros en consultoras e empresas externas en lugar de fortalecer as

capacidades internas da Administración.

 

Esta decisión prodúcese ademais nun contexto ben coñecido polo persoal: oficinas

infradotadas, vacantes sen cubrir durante anos, un persoal cada vez máis envellecido

e procesos selectivos que avanzan con desesperante lentitude. Mentres, as cargas de

traballo seguen aumentando como consecuencia das reformas normativas e da

crecente complexidade da xestión das prestacións, a resposta da Administración

continúa sendo a mesma: máis traballo para o persoal existente e máis contratos

externos.

 

Á CIG, preocupalle especialmente que se consolide unha dinámica de privatización

progresiva de funcións estratéxicas, xerando dependencia de empresas privadas en

ámbitos que forman parte do coñecemento e da capacidade de xestión propios do

organismo.

 

A modernización do SEPE é necesaria. A mellora das aplicacións informáticas e dos

procedementos tamén. Pero a solución non pode pasar por seguir desviando

recursos públicos cara á contratación externa mentres se manteñen sen resolver

os problemas estruturais de persoal.

A nosa posición é clara:

• Máis persoal e cobertura efectiva das vacantes.

• Axilización dos procesos selectivos.

• Formación e medios adecuados para o pesoal.

• Recuperación do coñecemento técnico e organizativo dentro do organismo.

• Fin da dependencia crecente de empresas privadas para funcións que

    corresponden ao servizo público.

 

Porque un SEPE forte non se constrúe con consultoras. Constrúese con emprego

público, estabilidade e medios suficientes para quen sostén cada día o funcionamento

do organismo. Que garanten o dereito da cidadanía á protección por desemprego.