Artigo segundo. Modificación do texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro.
O texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, queda modificado do seguinte xeito:
1. Modifícase o segundo parágrafo do artigo 7, que queda redactado como segue:
«Non obstante, en materia de permisos por nacemento, adopción, do proxenitor distinto da nai biolóxica, de lactación e parental, o persoal laboral ao servizo das Administracións públicas rexerase polo previsto neste Estatuto, non sendo aplicables a este persoal, polo tanto, as previsións do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores sobre as suspensións dos contratos de traballo que, se é o caso, corresponderían polos mesmos supostos de feito.»
2. Modifícanse as letras a), b), c) e g) do artigo 49, que quedan redactadas do seguinte xeito:
a) Permiso por nacemento para a nai biolóxica: terá unha duración de dezanove semanas.
No suposto de monoparentalidade, por existir unha única persoa proxenitora, o permiso será de trinta e dúas semanas.
Nos casos de parto prematuro e naqueles nos que, por calquera outra causa, o neonato deba permanecer hospitalizado a continuación do parto, este permiso ampliarase en tantos días como o neonato permaneza hospitalizado, cun máximo de trece semanas adicionais.
No suposto de falecemento do fillo ou filla, o período de duración do permiso non se verá reducido, salvo que, unha vez finalizadas as seis semanas de descanso obrigatorio, se solicite a reincorporación ao posto de traballo.
Este permiso ampliarase para ambos proxenitores en dúas semanas máis no suposto de discapacidade do fillo ou filla e, por cada fillo ou filla a partir do segundo nos supostos de parto múltiple, unha semana para cada un dos proxenitores.
En caso de falecemento da nai, o outro proxenitor poderá facer uso da totalidade ou, se é o caso, da parte restante do permiso.
O permiso por coidado do menor distribúese do seguinte xeito:
1.º Seis semanas ininterrompidas inmediatamente posteriores ao parto, serán obrigatorias e deberanse gozar a xornada completa.
2.º Once semanas, ou vinte e dúas no caso de monoparentalidade, que poderán distribuírse á vontade da nai, en períodos semanais a gozar de forma acumulada ou interrompida e exercitarse desde a finalización do descanso obrigatorio posterior ao parto ata que o fillo ou filla cumpra doce meses.
3.º Dúas semanas, ou catro no caso de monoparentalidade, para o coidado do menor que poderán distribuírse á vontade da nai, en períodos semanais de forma acumulada ou interrompida ata que o fillo ou filla cumpra oito anos.
Este permiso constitúe un dereito individual da nai biolóxica, sen que poida transferirse o seu exercicio.
O permiso previsto nos apartados 2.º e 3.º poderá gozarse a xornada completa ou a tempo parcial, cando as necesidades do servizo o permitan, e nos termos que regulamentariamente se determinen, conforme ás regras establecidas neste artigo.
No caso de goce interrompido do permiso, requirirase, para cada período de goce, un preaviso mínimo de quince días e realizarase por semanas completas.
No caso das semanas ás que se refire o parágrafo 3.º, cando concorran en ambas persoas proxenitoras, adoptantes ou acolledoras, polo mesmo suxeito e feito causante, e o período solicitado altere seriamente o funcionamento da unidade administrativa onde ambas presten servizos, esta poderá aprazar a concesión do permiso por un período razoable, xustificándoo por escrito e ofrecendo unha alternativa de goce máis flexible.
Durante o goce deste permiso, unha vez finalizado o período de descanso obrigatorio, poderase participar nos cursos de formación que convoque a Administración.
Para os efectos deste apartado, o termo nai biolóxica inclúe tamén as persoas trans xestantes.