O IPC DE OUTUBRO SEGUE NO 4,9 %

Luns, 02 Nov 2026

CSIF, UGT e CCOO fan propaganda do 4,5 % de 2027, e silencian que o acordo que asinaron deixa o persoal público perdendo poder adquisitivo en 2026.

 

O indicador adiantado do IPC de outubro mantén a inflación interanual no 4,9 %, encadeando tres meses por riba do 4 %. Outro mes máis, os prezos evidencian a insuficiencia do acordo retributivo asinado polo Goberno, CSIF, UGT e CCOO. Outro mes máis, a CIG denuncia que a propaganda dos asinantes non se corresponde coa realidade das nóminas.

Para 2026 aceptaron unha suba fixa do 1,5 %, máis un 0,5 % condicionado, previsto para cobrar no primeiro trimestre de 2027 con efectos retroactivos. Mesmo incorporando ese medio punto, o incremento correspondente a este ano quedaría no 2 %: 2,9 puntos por debaixo do IPC interanual de outubro. Esta comparación amosa o desfase actual, á espera de coñecer o peche definitivo do ano.

A estratexia de CSIF, CCOO e UXT é falar do que se cobrará o ano que vén para evitar render contas polo que se perde neste. Ademais, o 4,5 % tampouco permite proclamar ningunha garantía de recuperación. Se en 2027 a inflación se mantivese no 4,9 % actual, esa suba volvería quedar por debaixo dos prezos, neste caso en 0,4 puntos.

O problema está no que CSIF, UGT e CCOO aceptanron, porcentaxes pechadas sen unha cláusula automática que cubra integramente a inflación e recupere as perdas acumuladas. Tampouco é admisíbel sumar o 0,5 % correspondente a 2026 ao 4,5 % de 2027 para anunciar un suposto 5 % de suba nese exercicio. Cobrar atrasos de 2026 en 2027 non os converte nunha mellora adicional de 2027. Mesturar exercicios serve para engordar titulares, pero non para recuperar salarios.

A CIG non asinou este acordo. Non avalamos un pacto que deixa o poder adquisitivo sen protección e que agora os seus asinantes pretenden defender a golpe de propaganda.

Esiximos a revisión das retribucións de 2026, a compensación íntegra da desviación dos prezos, unha cláusula automática de garantía salarial e un calendario de recuperación de todo o poder adquisitivo perdido.