O persoal da AEAT exixe a dimisión do Secretario de Estado de Facenda

Mércores, 08 Mai 2024

Exixe á dirección da Axencia Tributaria “un xesto que amose a vontade de virar o rumbo desta situación de parálise na negociación colectiva”.

O vindeiro 22 de maio, terá lugar unha concentración diante da Delegación Especial de Galiza, na Coruña

Varios centos de traballadores da Axencia Tributaria (AEAT) secundaron esta mañá a convocatoria realizada pola CIG, primeiro sindicato da función pública na Galiza, e SIAT, UGT, CSIF e CCOO para demandar melloras laborais. A concentración realizouse ante a Dirección Xeral da AEAT, entidade que preside o Secretario de Estado de Facenda, Jesús Gascón

O persoal da AEAT demandou a dimisión do Secretario de Estado de Facenda e a intervención da Ministra de Facenda para emprazar á dirección do organismo a que negocie melloras laborais e salariais. Os traballadores da AEAT declararon conflito para exixir xustiza salarial na AEAT. Nos últimos 6 anos a dirección da AEAT dedicouse a conxelar a negociación colectiva para subir discrecionalmente as retribucións dos que máis cobran. En 2023 a AEAT tiña os 1265 grupos A1, que cobran os específicos máis altos de toda a AXE

Henrique García Outeiral, responsábel da CIG na AEAT, exixiu á dirección da Axencia Tributaria “un xesto que amose a vontade de virar o rumbo desta situación de parálise na negociación colectiva”. Neste sentido, a Confederación Intersindical Galega chama á dirección da AEAT a “negociar de boa fe a aplicación do acordo de carreira para todo o persoal ao servizo da Axencia”.

Ademais, o persoal da AEAT reclama “reactivar a carreira profesional para todas as empregadas e empregados da Axencia Tributaria, a negociación de todas as produtividades e dun novo convenio colectivo, dun xeito equilibrado e proporcional entre todos os grupos e colectivos que compoñen o cadro de persoal”

Logo desta primeira concentración, secundada por varios centos de traballadores, a CIG e os restantes sindicatos acordaron estender as mobilizacións ás principais delegacións da AEAT no estado. O vindeiro 22 de maio, terá lugar unha concentración diante da Delegación Especial de Galiza, na Coruña

A CIG, primeiro sindicato na función pública de Galiza, declarou o conflito canda a maioría da representación sindical na AEAT (SIAT, UGT, CSIF e CC.OO.) o pasado 4 de abril, e iniciaron as mobilizacións coincidindo co inicio da campaña de renda. Non descartan estender estas concentracións a todos os centros de traballo da AEAT nas vindeiras semanas nin a convocatoria dunha folga.