O persoal da AEAT exixe na Coruña a negociación e cumprimento do acordo de carreira

Mércores, 19 Xun 2024

A CIG exixiu á dirección da Axencia Tributaria “feitos concretos para sacar da parálise a negociación colectiva e resolver a perda de poder adquisitivo do persoal”

 

Nos últimos días vimos de ver como restrinxe o dereito á promoción interna para boa parte do persoal, suprimindo de maneira unilateral dereitos consolidados de todo o persoal”

 

A Coruña, 19 de xuño de 2024. Máis dun cento de traballadores da Axencia Tributaria (AEAT) secundaron esta mañá a convocatoria realizada pola CIG, primeiro sindicato da función pública na Galiza, e SIAT, UGT, CSIF e CCOO para demandar melloras laborais. A concentración, que tivo lugar ante a Delegación Especial da AEAT en Galiza, na Coruña, celebrouse de xeito simultáneo ás realizadas noutras delegacións da AEAT en todo o territorio estatal

 

O persoal da AEAT cuestiona que a Dirección da AEAT se negue a negociar a mellora das condicións de traballo de todo persoal e que o Secretario de Estado e a Ministra de Facenda eviten resolver o conflito. "Parece mentira que o goberno que di ser o máis progresista da historia se comporte así co persoal que se encarga da vixilancia aduaneira e da loita contra a fraude fiscal, que son a base de calquera política redistributiva da riqueza", ironizan desde a CIG.

 

Henrique García Outeiral, responsábel da CIG na AEAT, exixiu á dirección da Axencia Tributaria “feitos concretos para sacar da parálise a negociación colectiva e resolver a perda de poder adquisitivo do persoal”. Neste sentido, a Confederación Intersindical Galega chama á dirección da AEAT a “negociar de boa fe a actualización e aplicación do acordo de carreira para todo o persoal ao servizo da Axencia”.

 

Desde a CIG denuncian que nos últimos 6 anos a Dirección da AEAT dedicouse a conxelar a negociación colectiva para subir discrecionalmente as retribucións dos que máis cobran, de maneira que en 2023 a AEAT tiña 1265 persoas do grupo A1 que cobran os específicos máis altos de toda a Administración Xeral do Estado, mentres que o persoal do grupo C1 é o peor retribuído de toda a Administración estatal. “Hai funcionarios que non chegan a cobrar o salario mínimo interprofesional” advirten desde a CIG.

 

O persoal da AEAT reclama “reactivar a carreira profesional para todas as empregadas e empregados da Axencia Tributaria, a negociación dun novo convenio colectivo e de todas as produtividades dun xeito equilibrado e proporcional entre todos os grupos e colectivos que compoñen o cadro de persoal”.

 

A CIG denuncia que a Dirección da AEAT deixou de ser un interlocutor válido debido á actitude autoritaria que está a manter. Proba disto, aseguran, é que “nos últimos días vimos de ver como restrinxe o dereito á promoción interna para boa parte do persoal, suprimindo de maneira unilateral dereitos consolidados de todo o persoal”. "Non pedimos ser máis cá ninguén, só pedimos que o goberno español teña a mesma sensibilidade que tivo para solucionar as malas retribucións e condicións laborais doutros colectivos de empregados do Estado, como Xustiza ou Prisións", abundan.

 

A resistencia da Dirección da AEAT a aplicar o Acordo de Carreira de 2007 e a negativa a negociar outras melloras, como o convenio colectivo do persoal laboral, o marco do teletraballo ou o modelo de información e asistencia que levan anos impoñendo baixo a trampa e excusa dun “proxecto piloto” “voluntario” que leva anos en despregamento e participación obrigadas é o que ten provocado o conflito na AEAT”, conclúen.

 

Esta concentración é a segunda que se celebra ante a Delegación Especial de Galiza e supón unha máis das actividades de presión do persoal da AEAT no conflito declarado o pasado mes de abril. En paralelo, delegados sindicais de CIG, SIAT, UGT, CSIF e CCOO veñen mantendo un peche á porta do despacho da Directora Xeral da AEAT desde hai dúas semanas para denunciar a falta de diálogo.