O persoal da Axencia Tributaria inicia mobilizacións para lograr melloras laborais e salariais

Xoves, 18 Abr 2024

A Confederación Intersindical Galega (CIG), primeiro sindicato da función pública na Galiza, convocou -xunto a SIAT, UGT, CSIF e CC.OO.- ao persoal da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) a unha concentración o próximo 8 de maio en Madrid fronte á Dirección Xeral da AEAT (rúa Infanta Mercedes, 37), para emprazar á dirección do organismo a que negocie melloras laborais e salariais

As organizacións convocantes, que se reuniron o día 17 de abril coa dirección da AEAT tralo conflito declarado o pasado día 4 de abril, estenderán as mobilizacións a toda España, coincidindo coa campaña da renda presencial, no caso de que continúe o bloqueo para reactivar o acordo para a carreira profesional, pendente de desenvolvemento desde o ano 2007, así como a negociación dun novo convenio colectivo. O actual convenio, que data do ano 2006, leva ano e medio denunciado

 

Os traballadores da AEAT declararon conflito para exixir xustiza salarial na AEAT. Nos últimos 6 anos a dirección da AEAT dedicouse a conxelar a negociación colectiva para subir discrecionalmente as retribucións dos que máis cobran. En 2023 a AEAT tiña os 1265 grupos A1, que cobran os específicos máis altos de toda a AXE. (adxuntamos nota explicativa)

 

O persoal da Axencia Tributaria reclama, así mesmo, o desenvolvemento do teletraballo e a negociación do servizo de atención telefónico, anunciado pola ministra María Jesús Montero, que non quixo negociar as condicións laborais deste servizo en xornada de mañá

 

Consideramos, ademais, que se debe revisar a produtividade cuxo reparto prima ao colectivo de inspectores, discriminando ao resto do persoal

 

Por último, reclamamos as melloras das condicións laborais para o colectivo de Vixilancia Aduaneira, catalogando este destino como profesión de risco e reforzando os medios materiais e humanos,  desenvolvendo unha verdadeira Policía Fiscal, unha necesidade que se puxo en evidencia tralos tráxicos sucesos en Cádiz

 

Se dende a Axencia Tributaria non se atenden as nosas reivindicacións, verémonos obrigados a estender as mobilizacións e non descartamos a folga en plena campaña da Renda