O sensentido das dietas por saídas na AEAT

Luns, 22 Xun 2026
CIG ven demandando desde hai anos a actualización das indemnizacións que percibe o persoal da AEAT por realizar saídas como parte das súas tarefas. As contías que actualmente se abonan resultan ridículas, entre outras cousas, por estar fixadas nun decreto de hai practicamente 20 anos.

Pero resultan ridículas, ademais, porque establece contías diferentes de indemnización para a mesma realidade. Por exemplificalo: segundo esta normativa, o menú do día que pode consumir unha funcionaria que ten dereito á manutención custa diferente se é axente de Facenda ou inspectora… como se no restaurante lle fosen preguntar o grupo para facerlle o ticket! Ademais, parece que se es dun grupo máis alto tes dereito a comer mellor que outra persoa dun grupo máis baixo (e que os dos grupos máis baixos, en ocasións, teñen mesmo que arrimar cartos a esa dieta por ser insuficiente para un menú do día!)

Ridículo resulta, ademais, que cada pouco se dea unha nova volta de porca para endurecer máis a interpretación dos gastos que se poden indemnizar e os que non, dando a sensación de que a Dirección da AEAT ordena regatear uns euros ao seu persoal, mentres que para outros gastos incualificábeis hai sensación de ter barra libre (e en Galiza temos un bo exemplo coa fachada e estadas eternas do edificio da Delegación Especial!)

O último episodio disto acontece coas dietas en saídas urbanas, que non admiten marcar quilómetros percorridos nin aportar tickets de transporte urbano ou aparcamento. O resultado é excluír estes gastos que o persoal fai para cumprir cos plans de saídas que deseñan os responsábeis das diversas dependencias. E a imaxe é esa: regatear uns euriños ao persoal por un gasto que realmente realizou para cumprir cos famosos obxectivos

Isto parte, xa o temos denunciado máis veces, desa desconfianza que ten a Dirección da AEAT de todo o seu persoal e que plasma sen rubor en todos os seus documentos: teñen a idea de que o persoal non traballa, que é preciso espialo para ver que fai e que, ademais, tenta colar gastos a maiores (e algún caso pode haber, mais un gran non fai celeiro!)

Iso si, mentres isto acontece, “convida” ao seu persoal a poñer o seu vehículo particular para cumprir cos obxectivos dese plan de saídas, demora o pagamento das dietas cando menos a dúas nóminas despois de cando se xustifican os gastos das saídas (obrigando a un persoal ao que non se lle paga como cumpriría a financiar gratuitamente nada menos que á Axencia Tributaria!). E aínda cuestiona a relación directa de algún percance, accidente ou incidente que padece algún traballador co seu vehículo nestas saídas….

A estes problemas engádense tamén as dificultades que sofre o persoal do SVA coas indemnizacións por saídas e servizos, unha cuestión sobre a que a CIG ten recibido numerosas queixas. Tamén continúan os atrancos cos denominados quilómetros diseminados, chegando incluso a cuestionarse percorridos que a propia aplicación da AEAT non permite rexistrar correctamente ao non figurar moitas localidades nas listaxes despregables. É dicir, créanse problemas derivados dun sistema deseñado pola propia Administración e, posteriormente, preténdese trasladar a responsabilidade ao persoal.

Por outra banda, as contías actuais das dietas están tan afastadas da realidade que, se xa resulta complicado cubrir os gastos dunha comida durante a semana, a situación agrávase aínda máis durante as fins de semana, cando os prezos adoitan ser superiores. Na práctica, isto supón que moitas compañeiras e compañeiros teñan que optar por levar a comida da casa ou asumir do seu peto unha parte importante do gasto. E non é o único exemplo de normativa afastada da realidade: a esixencia de determinados tickets para xustificar dietas nocturnas constitúe outro dos numerosos sensentidos que acompañan a regulación actual das indemnizacións por razón de servizo.

Polo tanto, propomos desde a CIG que se definan as distancias onde se pode facer unha saída a pé para computar o desgaste das soleiras dos zapatos. Retranca fóra, non vemos normal esta liña de endurecer a interpretación da normativa dunhas dietas ridículas e reiteramos a nosa proposta de que se faga a AEAT cunha frota de vehículos propia (se queren, con sirena e luces para poder cumprir obxectivos con maior celeridade) para deixar de obrigar ao persoal a poñer o seu coche e logo discutir uns euros polos gastos que isto orixina, que se actualicen as contías e que se axilicen os pagamentos porque son gastos que o persoal xa fixo para traballar. E xa ten delito pretender que paguemos por traballar!