Reunión Función Pública - 35 horas
O pasado luns 23 de febreiro fomos convocados pola Dirección Xeral de Función Pública á Comisión Permanente da Mesa Xeral de Negociación da Administración Xeral do Estado (MXNAXE), figurando como punto principal da orde do día a implantación da xornada de 35 horas na Administración Xeral do Estado.
Cómpre lembrar que a implantación das 35 horas leva anos sendo utilizada por este Goberno como elemento propagandístico en sucesivos acordos, e tamén como cortina de fume polos sindicatos estatais asinantes (CSIF, UGT e CCOO) para tapar acordos retributivos que supuxeron unha perda real de poder adquisitivo para o persoal público. A realidade da reunión foi un auténtico esperpento.
A Administración presentouse sen proposta, sen documento e sen ningunha xustificación, evidenciando unha absoluta falta de respecto tanto ao persoal como á propia negociación colectiva. Unha vez máis, Función Pública converte as mesas de negociación nun simple teatro baleiro de contido e sen vontade real de cumprir os compromisos anunciados.
Pero se grave é a actitude da Administración, non o é menos o espectáculo ofrecido polos sindicatos estatais asinantes destes acordos, máis preocupados por disputar quen capitaliza un hipotético acordo que nin existe, que por esixir explicacións claras ou defender con firmeza os dereitos do persoal.
Resulta lamentable ver como quen asinou acordos que non garanten nin prazos nin condicións, pretende agora vender como avance o que non é máis que propaganda.
Para a CIG, isto confirma o que levamos tempo denunciando, que os grandes anuncios e os acordos propagandísticos non serven de nada se non van acompañados de compromisos reais e esixibles.
A CIG non vai participar neste teatro nin vai contribuír a enganar o persoal mentres non teñamos unha proposta concreta, un calendario certo de implantación e se garanta a implantación para todo o persoal da Administración Xeral do Estado.