Sen negociación real, non hai acordo, sen cláusula de revisión non hai garantía salarial

Xoves, 20 Nov 2025

Onte 19 de novembro, unha vez máis, fomos testigos do xeito de entender a negociación deste Goberno, un modelo claro de negociación simulada.

A proposta presentada polo Goberno —un incremento salarial do 10 % entre 2025 e 2028, con só un 4 % nos dous primeiros anos— é outro intento de impor un acordo xa pechado fóra das mesas de negociación, convertendo nun trámite formal sen contido real e vulnerando o espírito do artigo 34.1 do EBEP.

O Goberno presenta un documento con todo decidido, utiliza o teito de gasto como desculpa e presenta un reparto da suba que non permite recuperar o poder adquisitivo perdido nin frea o empobrecemento estrutural do persoal público.

Ademais, o límite do 4 % nos dous primeiros anos é inasumible nun contexto de inflación. Esta restrición está xustificada precisamente polo “teito de gasto”, aprobado un día antes polo Consello de Ministros.

Esta proposta non só é insuficiente, senón que perpetúa anos de perdas para o persoal público. Dende a CIG lembramos que as perdas acumuladas non son pequenas e que non se recuperaron os salarios de maneira real, o que pon de relevo a necesidade de mecanismos vinculados ao IPC para evitar que a inflación siga erosionando os nosos ingresos.

A CIG esixe que calquera novo acordo inclúa:

1. Un mecanismo automático de revisión salarial vinculado ao IPC, para garantir que os salarios evolucionen coa suba de prezos reais.

2. Unha oferta retributiva que compense de maneira xusta as perdas acumuladas do persoal ao servizo das Administracións. 

3. Fin das negociacións opacas ou paralelas: as mesas de negociación deben ser onde se decidan realmente os incrementos, non só un escenario para rubricar decisións xa tomadas.

4. Un modelo orzamentario que non xustifique os recortes por teito de gasto, especialmente cando existe capacidade recadatoria para destinar recursos aos servizos públicos e aos seus traballadores.