A CIG-ADMINISTRACIÓN MOBILIZARASE PARA DEMANDAR MEDIDAS QUE REVERTAN A PERDA DO PODER ADQUISITIVO NO SECTOR PÚBLICO

Mércores, 19 Feb 2025

No contexto de negociación dos Orzamentos Xerais do Estado "nos que non se fala dos salarios do persoal empregado público", a CIG-Administración convocará mobilizacións nas diferentes comarcas contra a precariedade salarial e para avanzar nos dereitos laborais. Con este obxectivo, a central sindical reclámalle ao Goberno español que convoque xa a Mesa Xeral das Administracións Públicas para abordar unha serie de medidas que permitan reverter o empobrecemento.

O secretario nacional da CIG-Administración, Luis Carballo, lembra que nos últimos sete anos, CCOO, UXT e CSIF, asinantes de acordos nas administracións públicas, "contribuíron á perda de máis do 20% de poder adquisitivo para o persoal empregado público".

O Acordo Marco para unha Administración do Século XXI non só profundou nesta perda, "senón que tamén fracasou na súa implementación, ao non derrogar a lexislación que impuxo recortes na administración pública, como os Reais Decretos-Lei 8/2010, 20/2011 e 20/2012", e tampouco se avanzou en melloras nos dereitos das persoas traballadoras. Unha situación que, critica, "evidencia a ineficacia dos sindicatos estatais, sometidos aos intereses dos gobernos. Aínda que o acordo se vendeu como éxito, a realidade é que se aumentou o empobrecemento do persoal  do persoal empregado público".

Para reverter isto, a CIG-Administración demanda que se poñan en marcha as seguintes medidas:

- Cláusula de garantía salarial que vincule os salarios ao IPC, para que o aumento dos prezos se vexa reflectido no poder adquisitivo. Esta cláusula debe ser protexida por lei e aplicarse a todo o persoal empregado público.

- Negociar acordos salariais anuais ou plurianuais para evitar a conxelación dos salarios. Para este 2025, a central demanda un aumento do 5%. Estas negociacións débense facer na Mesa Xeral do persoal empregado público "con transparencia e sen sometemento ás centrais sindicais estatais".

- Redución da xornada laboral a 35 horas semanais en 2025 e avanzar cara ás 32 horas en 2026. Así mesmo, a creación de novas prazas, a actualización dos perfís laborais (perfís dixitais) e a regulación do teletraballo, para adaptarse á realidade actual e garantir o emprego público.

- Xubilación: a CIG oponse ás reformas do Goberno que pretenden eliminar a xubilación forzosa e prolongar a idade de xubilación voluntaria até os 72 anos. A central defende a recuperación da xubilación parcial aos 61 anos e un aumento dos haberes reguladores de clases pasivas para equiparar os réximes.

- Promoción da lingua galega: proponse crear un ámbito de negociación específico para Galiza que promova o uso e coñecemento da nosa lingua no acceso e provisión de postos, así como un complemento salarial por este motivo. "Queremos avanzar cara a unha sociedade con plenos dereitos lingüísticos".


Buscador

Contacta coa CIG Xustiza

  • A Coruña:
    657 768 693 - 635 607 376
    cig.acoruna@xustiza.gal
  • Compostela:
    639 865 917
    cig.santiago@xustiza.gal
  • Ferrol:
    637 108 945
    cigxustiza.ferrol@gmail.com
  • Lugo:
    639 921 202 - 616 788 881
    cig.lugo@xustiza.gal
  • Ourense:
    636 424 191
    mondraprayer@hotmail.es
  • Pontevedra:
    646 023 058
    cig.pontevedra@xustiza.gal
  • Vigo:
    669 760 087
    cig.vigo@xustiza.gal