A CIG ALERTA DA CAÓTICA SITUACIÓN DA SECCIÓN DE VIOLENCIA SOBRE A MULLER DO TRIBUNAL DE INSTANCIA DE A CORUÑA

Martes, 14 Xul 2026

O sector de Xustiza da CIG-Administración Pública da Coruña alerta da caótica situación na que se atopa a Sección de Violencia sobre a Muller do Tribunal de Instancia da Coruña, xa que a creación dunha segunda praza a comezo de ano non está a resolver a problemática que arrastra como consecuencia da mala organización e da falta de persoal e medios materiais.

Non se trata dunha situación nova, está chegando a un punto totalmente intolerable debido ao nulo interese por parte da Administración e do Poder Xudicial por poñerlle remedio e darlles un servizo decente ás mulleres e á cidadanía en xeral. 

Dende o punto de vista laboral, o funcionariado que traballa nesta Sección é interino practicamente na súa totalidade, “xa que ningún titular quere eses postos a pesares de ter un complemento específico máis elevado”. Ademais, o persoal non recibe unha mínima formación cando é nomeado e pasa a facer xornadas de traballo de máis de 10 horas, sendo habitual saír a partir das 6 da tarde. E isto é debido a que se sinalan até 10 xuízos rápidos nun día, posto que a axenda da aplicación informática permite ás forzas e corpos de seguridade efectuar múltiples sinalamentos de xuízos rápidos nun mesmo día e á mesma hora”.

Isto ten como consecuencia que se acumulen os retrasos e as vítimas teñan que agardar xuntas nunha mesma sala durante varias horas, o que agrava a súa situación de angustia. Unha situación que se repite día tras día.

Ao mesmo tempo,  os antes denominados Xulgados de Violencia sobre a Muller traballan en realidade como se foran uns órganos de Instrución, pero sen servizo de garda, o que provoca todas estas disfuncións e un atraso tan alarmante na tramitación dos expedientes que hai causas pendentes dende o ano 2023. Neste momento só están adscritas dúas persoas para a tramitación dos aspectos civís (divorcios, pensións, custodias), o que resulta claramente insuficiente. A non resolución definitiva por parte da Xustiza da situación familiar contribúe a que se prolongue a situación de violencia.

Indefensión das vítimas

Este deplorable panorama non é exclusivo da Sección da Coruña, pero a gravidade nestes momentos é tal que provocou unha chamada de atención do Consello Xeral do Poder Xudicial, pouco dado a esas cousas.

Neste senso, ningunha Administración está a facer nada para rematar con esta situación. Nin o actual presidente do TSXG, que alardea da súa experiencia e compromiso coa violencia de xénero, nin o director xeral da Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galiza (até hai dous anos maxistrado deste Xulgado) están a cumprir co seu deber de velar polo bo funcionamento da resposta xudicial a esta lacra, deixando as vítimas de violencia desprotexidas fronte aos seus agresores.

Na seguinte ligazón, a partir do minuto 05:16 podedes escoitar a delegada sindical da CIG Xustiza Eva Rodríguez Vicente: https://www.rtve.es/play/audios/galicia-informativos/cronica-galicia-14-10-13-07-26/17154629/


Buscador

Contacta coa CIG Xustiza

  • A Coruña:
    657 768 693 - 635 607 376
    cig.acoruna@xustiza.gal
  • Compostela:
    639 865 917
    cig.santiago@xustiza.gal
  • Ferrol:
    637 108 945
    cigxustiza.ferrol@gmail.com
  • Lugo:
    639 921 202 - 616 788 881
    cig.lugo@xustiza.gal
  • Ourense:
    636 424 191
    mondraprayer@hotmail.es
  • Pontevedra:
    646 023 058
    cig.pontevedra@xustiza.gal
  • Vigo:
    669 760 087
    cig.vigo@xustiza.gal