A CIG denuncia ante a Inspección de Traballo as graves deficiencias preventivas na sala de autopsias de Vigo
A CIG Xustiza vén de presentar unha denuncia ante a Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Pontevedra polas deficiencias en materia de prevención de riscos laborais que persisten na sala de autopsias de Vigo, unha instalación de nivel 3 de bioseguridade, malia teren sido comunicadas previamente á Dirección Xeral de Xustiza.
Entre as deficiencias detectadas destacan a porta de entrada de cadáveres inadecuada, a falta de sinalización na sala de mostraxe, a ausencia dunha grúa para a manipulación de cadáveres, o pavimento deteriorado e a falta de funcionamento do sistema lavaollos. Estas carencias comprometen a seguridade do persoal e incrementan os riscos ergonómicos e de exposición a axentes biolóxicos.
A situación agrávase pola insuficiencia de persoal, xa que o servizo conta unicamente con dúas auxiliares de autopsias para atender unha media aproximada de 360 autopsias anuais, chegando a realizar ata tres nunha mesma garda, ademais de xestionar mostras para as distintas analíticas. Por iso, a CIG reclama avaliar as necesidades reais do servizo e incrementar o cadro de persoal ata un mínimo de tres persoas, tomando como referencia a organización doutros centros, como Lugo e A Coruña.
Tamén denunciamos a falta de garantías suficientes en materia de formación preventiva do persoal de limpeza e mantemento, así como as deficiencias na sinalización e nos protocolos de actuación relacionados coa evacuación e xestión de residuos.
Ante a persistencia destas irregularidades, a CIG solicita que a Inspección de Traballo investigue a situación, comprobe o cumprimento da normativa de prevención de riscos laborais e requira á Administración a adopción urxente das medidas correctoras necesarias. Así mesmo, pide que se avalíen os riscos existentes e que, no caso de constatarse incumprimentos, se adopten as medidas previstas legalmente.
A seguridade e a saúde do persoal non poden seguir agardando. É imprescindible corrixir as deficiencias, garantir os medios de traballo adecuados e dotar o servizo do persoal e da formación necesarios para desenvolver as súas funcións en condicións seguras.
Para ver o escrito e xustificante de presentación preme na ligazón:
Buscador
Contacta coa CIG Xustiza
- A Coruña:
657 768 693 - 635 607 376
cigxustiza.acorunha@gmail.com - Compostela:
604 042 377
cig.santiago@xustiza.gal - Ferrol:
637 108 945
cigxustiza.ferrol@gmail.com - Lugo:
639 921 202 - 616 788 881
cig.lugo@xustiza.gal - Ourense:
636 424 191
mondraprayer@hotmail.es - Pontevedra:
646 023 058
josefinaiglesiasdelacampa@yahoo.es - Vigo:
669 760 087
cig.vigo@xustiza.gal