A CIG DENUNCIA AS DEFICIENCIAS EN MATERIA DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS NO EDIFICIO XUDICIAL DE SANTIAGO
A CIG Xustiza vén de presentar unha denuncia formal polas deficiencias detectadas en materia de seguridade, saúde laboral, salubridade e limpeza no Edificio Xudicial de Santiago de Compostela.
As deficiencias foron identificadas durante a visita realizada polos técnicos de prevención de riscos laborais o pasado 3 de setembro de 2026 e recollidas no correspondente informe técnico.
Entre as cuestións que requiren unha actuación prioritaria destacan as deficientes condicións de limpeza e salubridade dalgunhas dependencias, así como a acumulación de pezas de convicción e documentación que ocupan espazos nas instalacións e poden comprometer a seguridade e a hixiene do edificio.
A CIG considera imprescindible unha actuación coordinada coa Dirección Xeral competente en materia de Xustiza e cos letrados e letradas da Administración de Xustiza para revisar e clasificar as pezas de convicción e a documentación acumulada, tramitar os expurgos que correspondan e retirar aqueles materiais que xa non deban permanecer nas dependencias xudiciais.
A denuncia alerta especialmente da presenza de pezas de convicción potencialmente perigosas, como bombonas de gas ou butano, cuxa permanencia nas instalacións pode supoñer un risco de incendio, explosión ou outras situacións de emerxencia.
Desde a CIG esiximos que a Administración adopte as medidas preventivas e correctoras necesarias, estableza unha planificación que permita resolver progresivamente todas as incidencias e dea prioridade ás situacións de maior risco.
Cómpre lembrar que a Administración ten a obriga legal de garantir a seguridade e a saúde do persoal ao seu servizo, conforme aos artigos 14, 15 e 16 da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais.
A PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS NON PODE QUEDAR EN INFORMES: ESIXIMOS MEDIDAS EFECTIVAS
A CIG reclama unha intervención urxente que garanta unhas condicións de traballo seguras e saudables para todo o persoal do Edificio Xudicial de Santiago de Compostela, evitando que as deficiencias detectadas se perpetúen no tempo e poidan provocar accidentes de traballo ou danos para a saúde.
A prevención non pode limitarse á identificación dos problemas: debe traducirse en actuacións concretas que garantan a seguridade e a saúde das persoas traballadoras.
Buscador
Contacta coa CIG Xustiza
- A Coruña:
657 768 693 - 635 607 376
cigxustiza.acorunha@gmail.com - Compostela:
604 042 377
cig.santiago@xustiza.gal - Ferrol:
637 108 945
cigxustiza.ferrol@gmail.com - Lugo:
639 921 202 - 616 788 881
cig.lugo@xustiza.gal - Ourense:
636 424 191
mondraprayer@hotmail.es - Pontevedra:
646 023 058
josefinaiglesiasdelacampa@yahoo.es - Vigo:
669 760 087
cig.vigo@xustiza.gal