A PERSEVERANZA SINDICAL POR PARTE DA CIG CONSEGUE IMPULSAR A ELABORACIÓN DUN PROTOCOLO COORDINADO DE ACTUACIÓN FRONTE AO ACOSO LABORAL E OUTRAS DISCRIMINACIÓNS ENTRE DISTINTAS ADMINISTRACIÓNS
Este sindicato leva desde o ano 2023 reclamando a creación dun protocolo de actuación para os supostos de acoso laboral e outras discriminacións nos que a presunta vítima e a persoa presuntamente agresora pertenzan a Administracións diferentes que comparten centro de traballo.
O obxectivo desta reivindicación sempre foi garantir a seguridade xurídica e a protección efectiva do persoal afectado, establecendo de maneira clara e inequívoca que Administración debe asumir a activación do protocolo en cada un dos supostos posibles, o procedemento de investigación que debe seguirse e o órgano competente para ditar a resolución correspondente.
Ante a falta de resposta, este sindicato presentou denuncia contra a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (Dirección Xeral de Xustiza) e o Ministerio de Xustiza, ante a Inspección de Traballo e Economía Social con data 3 de maio de 2024.
Como resultado desa actuación, a Inspección de Traballo comunicounos mediante escrito de data 13 de marzo de 2025 que, ao abeiro do disposto na normativa de prevención de riscos laborais, efectuou un requirimento ás Administracións implicadas co fin de garantir a seguridade e a saúde de todo o persoal que presta servizos nos centros de traballo compartidos. No citado requirimento solicitábase expresamente a elaboración dun documento que desenvolvese un procedemento coordinado de actuación nos supostos de acoso laboral e outras discriminacións.
Dado que transcorrido un tempo prudencial non recibimos información sobre o cumprimento dese requirimento por parte da Dirección Xeral de Xustiza, este sindicato remitiulle un novo escrito con data 2 de abril de 2025, acompañado da documentación da Inspección de Traballo, solicitando a súa execución.
A nosa sorpresa chegou este pasado 28 de maio, cando recibimos un oficio da Inspección de Traballo informándonos de que o requirimento emitido no seu día non chegara a ser aberto pola Dirección Xeral debido a un fallo no rexistro da Xunta de Galiza. Parecera que o rexistro da Dirección Xeral tivera intelixencia selectiva: os requerimentos incómodos simplemente “non se abren” ata que aparecen en papel e xa non queda escapatoria. Por este motivo, a Inspección procedeu a realizar unha nova notificación presencial o 23 de abril de 2026, concedendo un novo prazo de catro meses para o seu cumprimento.
No mesmo oficio a Inspección de Traballo informounos que se está a elaborar un borrador do protocolo de actuación coordinada en cumprimento do requirimento efectuado, atopándose actualmente dito documento en fase de sinatura polos superiores xerárquicos das administracións afectadas.
Podemos afirmar que, tras anos de insistencia, traballo e perseveranza por parte deste sindicato, por fin se conseguiu impulsar a confección do tan necesario protocolo, unha ferramenta fundamental para garantir a protección das persoas traballadoras e evitar situacións de indefensión cando os feitos afecten a persoal dependente de Administracións distintas.
Buscador
Contacta coa CIG Xustiza
- A Coruña:
657 768 693 - 635 607 376
cig.acoruna@xustiza.gal - Compostela:
639 865 917
cig.santiago@xustiza.gal - Ferrol:
637 108 945
cigxustiza.ferrol@gmail.com - Lugo:
639 921 202 - 616 788 881
cig.lugo@xustiza.gal - Ourense:
636 424 191
mondraprayer@hotmail.es - Pontevedra:
646 023 058
cig.pontevedra@xustiza.gal - Vigo:
669 760 087
cig.vigo@xustiza.gal