11 DE NOVEMBRO FOLGA XERAL!!!

Xoves, 22 Out 2026

A CIG convoca folga xeral en toda Galiza para o vindeiro 11 de novembro para reclamar da Xunta de Galiza e do Goberno español un Plan de Choque que permita frear o deterioro das condicións de vida da clase traballadora. Baixo o lema “Galiza en loita por unha vida digna”, a central sindical denuncia que o encarecemento da vida, os salarios insuficientes, a crise da vivenda, a precariedade laboral e a deterioración dos servizos públicos están empobrecendo á maioría social, mentres as grandes empresas continúan obtendo beneficios extraordinarios.

A folga xeral abrangue as persoas traballadoras das empresas privadas e do sector público en todo o territorio galego, incluído o persoal funcionario, estatutario e laboral. Desenvolverase o 11 de novembro, desde as 00:00 até as 24:00 horas, coas adaptacións horarias previstas para as empresas con varias quendas e para os medios de comunicación.

Entre as principais reivindicacións da CIG está garantir o dereito á vivenda mediante medidas que interveñan o mercado e permitan que as persoas traballadoras e amplos sectores da poboación teñan acceso a un fogar. A central sindical reclama tamén actuar sobre o mercado da alimentación para garantir o acceso aos produtos básicos, fixar os prezos dos carburantes para facilitar a mobilidade e establecer unha tarifa eléctrica galega, ademais de crear unha empresa pública de enerxía.

Recuperar o poder adquisitivo dos salarios

A convocatoria de folga xeral tamén se vincula coa defensa dos salarios e das condicións de vida da clase traballadora. A este respecto, a CIG demanda que os salarios se incrementen de acordo co IPC real e reclama a descentralización do salario mínimo interprofesional, para que en Galiza se sitúe en 1.374 euros, unha reivindicación que a organización sindical mantén desde hai anos para que sexa do 60 % do salario medio, en cumprimento da Carta Social Europea.

O persoal empregado público perdeu desde 2010 máis dun 23% no seu poder adquisitivo, sen que os acordos asinados polos sindicatos estatais teñan incluído ningunha medida para recuperalo. Pola contra, estes acordos afondaron nos recortes, tal e como deixan en evidencia as últimas cifras do IPC, que na Galiza acadou o 4,9% no mes de setembro, fronte á suba salarial do 1,5% asinada por CCOO, UGT e CSIF para 2026.

Esta perda de poder adquisitivo dos salarios públicos está afogando as compañeiras e compañeiros traballadores das Administracións Públicas que non poden facer fronte á suba no custo da vivenda, a suba da enerxía e dos combustíbeis ou da propia cesta da compra.

Por todo isto chamamos á participación masiva na folga xeral do próximo 11 de novembro e a que “pare todo” en Galiza, como expresión da loita social e laboral fronte á carestía da vida e en defensa dos dereitos da clase traballadora.

Para máis información preme nas ligazóns:

https://www.cig.gal/nova/a-cig-rexistra-a-convocatoria-de-folga-xeral-en-galiza-para-o-11-de-novembro-para-frear-a-deterioracion-das-condicions-de-vida.html


Buscador

Contacta coa CIG Xustiza

  • A Coruña:
    657 768 693 - 635 607 376
    cigxustiza.acorunha@gmail.com
  • Compostela:
    604 042 377
    cig.santiago@xustiza.gal
  • Ferrol:
    637 108 945
    cigxustiza.ferrol@gmail.com
  • Lugo:
    639 921 202 - 616 788 881
    cig.lugo@xustiza.gal
  • Ourense:
    636 424 191
    mondraprayer@hotmail.es
  • Pontevedra:
    646 023 058
    josefinaiglesiasdelacampa@yahoo.es
  • Vigo:
    669 760 087
    cig.vigo@xustiza.gal