PRESENTAMOS QUEIXA ANTE A VALEDORA DO POBO
Queixa sobre os criterios de reparto do Fondo de Acción Social para o persoal da Administración de Xustiza en Galiza
Dende a Central Sindical CIG, en relación ás convocatorias do Fondo de Acción Social para o persoal ao servizo da Administración de Xustiza en Galiza, formulamos a seguinte queixa:
En primeiro lugar, considérase inxustificado e socialmente pouco equitativo o sistema de reparto das axudas baseado exclusivamente en tramos porcentuais do grao de discapacidade, sen ter en conta a unidade familiar nin as circunstancias económicas e sociais globais das persoas solicitantes -renta por unidade familiar (per capita o equivalente) . Este modelo provoca situacións de desigualdade real, ao non ponderar factores como o número de membros dependentes, ingresos familiares ou cargas económicas asociadas á discapacidade.
En segundo lugar, resulta excesivamente restritiva a incompatibilidade establecida para a percepción destas axudas, ao impedir o acceso a outras prestacións de natureza similar concedidas pola Xunta de Galiza ou por outras administracións. Esta limitación reduce significativamente a protección efectiva das persoas con discapacidade e das súas familias, especialmente nun contexto de incremento do custo de vida e das necesidades asistenciais.
En terceiro lugar, considérase inadecuado que as axudas denegadas en anos anteriores e posteriormente recoñecidas mediante resolución xudicial ou administrativa favorable se financien con cargo ao fondo do exercicio corrente. Esta práctica diminúe os recursos dispoñibles para as novas solicitudes e xera unha distorsión no reparto. Estas obrigas deberían ser atendidas mediante unha partida orzamentaria extraordinaria, conforme ao previsto na Lei orgánica 2/2012, destinada á execución de sentenzas firmes, ou, subsidiariamente, mediante un incremento específico da dotación orzamentaria do exercicio correspondente.
Así mesmo, chama a atención a falta de actualización da contía global destinada a este fondo, que mesmo experimentou unha redución respecto de anos anteriores. Resulta difícil de xustificar que no ano 2019 a dotación fose de 22.294 euros e que nos anos 2025 e 2026 se sitúe en 21.911 euros, sen ter en conta a evolución do custo de vida nin o incremento das necesidades sociais.
Por outra banda, cómpre sinalar que o sistema actual de reparto, ao depender do número total de solicitudes presentadas, provoca que as contías finais percibidas polas persoas beneficiarias sexan, na práctica, moi reducidas e insuficientes para cubrir as necesidades reais derivadas da discapacidade, converténdose en cantidades meramente simbólicas.
Por todo o exposto,
SOLICITAMOS que a Valedora do Pobo:
-
Analice as deficiencias detectadas no sistema de reparto do Fondo de Acción Social.
-
Inste á Administración competente a modificar os criterios de distribución, incorporando variables como a unidade familiar e a situación económica.
-
Revise o réxime de incompatibilidades das axudas para garantir unha protección social máis efectiva.
-
Recomende a creación de partidas orzamentarias extraordinarias para a execución de resolucións xudiciais firmes, evitando a minoración dos fondos ordinarios.
-
Promova o incremento da dotación económica anual destinada a estas axudas, adaptándoa á realidade socioeconómica actual.
Buscador
Contacta coa CIG Xustiza
- A Coruña:
657 768 693 - 635 607 376
cig.acoruna@xustiza.gal - Compostela:
639 865 917
cig.santiago@xustiza.gal - Ferrol:
637 108 945
cigxustiza.ferrol@gmail.com - Lugo:
639 921 202 - 616 788 881
cig.lugo@xustiza.gal - Ourense:
636 424 191
mondraprayer@hotmail.es - Pontevedra:
646 023 058
cig.pontevedra@xustiza.gal - Vigo:
669 760 087
cig.vigo@xustiza.gal