RECLAMACIÓN ANTE O TSX GALIZA SOBRE AS GARDAS DE VILAGARCÍA DE AROUSA

Martes, 29 Set 2026

No Tribunal de Instancia de Vilagarcía de Arousa existen gardas configuradas formalmente como gardas de localización ou dispoñibilidade. Porén, na práctica diaria prodúcense intervencións efectivas continuadas e presenza física prolongada na sede xudicial, así como actuacións durante a noite e mesmo a madrugada, debendo o persoal incorporarse posteriormente á súa xornada ordinaria poucas horas despois, sen respectarse o descanso correspondente.

Dita situación supón un incumprimento directo do Acordo do 15 de setembro de 2005, do Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial, polo que se aproba o Regulamento 1/2005, dos aspectos accesorios das actuacións xudiciais (BOE 27/09/2005). O citado regulamento concibe a garda de dispoñibilidade ou localización como un réxime no que a presenza física na sede xudicial ten carácter estritamente excepcional, puntual e vinculado á urxencia dunha actuación xudicial. Na práctica diaria de Vilagarcía de Arousa, a necesidade de permanecer na sede de xeito continuado desnaturaliza esta figura, transformándoa de facto nunha garda presencial non recoñecida nin retribuída como tal.

Ademais o regulamento citado contempla, nos artigos 43, 48 e 62, a compentencia e os mecanismos para que a Sala de Goberno do TSXG poida propoñer ao CXPX a modificación do réxime de garda daqueles partidos xudiciais nos que a carga de traballo e o volume de intervencións urxentes fagan insuficiente a modalidade de localización.

Sobre esta problemática solicitamos á Sala de Goberno do TSXG as seguintes cuestións:

  1. Que a Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia tome constancia da problemática situación das gardas de dispoñibilidade no Tribunal de Instancia de Vilagarcía de Arousa.
  2. Que se comprobe o cumprimento do descanso mínimo de ONCE HORAS entre xornadas e, cando este non poida ser respectado por necesidades do servizo, se inste da administración autonómica á concesión do correspondente descanso compensatorio para o persoal dos corpos xerais.
  3. Que se comprobe o correcto cómputo mensual como tempo de traballo das intervencións efectivamente realizadas durante as gardas.
  4. Que se inste a valoración da situación desde a perspectiva da prevención de riscos laborais, especialmente en relación coa fatiga e coa falta de descanso suficiente.
  5. Que, no ámbito das súas competencias, se adopten as resolucións ou acordos que resulten necesarios para corrixir as disfuncións detectadas nas quendas de garda de dispoñibilidade do Tribunal de Instancia de Vilagarcía de Arousa, tendo en consideración, así mesmo, a situación existente ata a actualidade, na que as quendas realizadas se desenvolveron, na práctica, baixo un réxime de permanencia encuberta, con efectiva prestación de servizos e unha maior carga de traballo que non foi obxecto da correspondente compensación económica nin da aplicación do réxime de descansos que legalmente corresponde. Neste sentido, interesa que se inste a administración a que valore e recoñeza o traballo efectivamente realizado durante este período, así como que se proceda á adecuación das retribucións e dos descansos aos que correspondan en atención á natureza, intensidade e condicións reais da prestación efectivamente realizada.

Buscador

Contacta coa CIG Xustiza

  • A Coruña:
    657 768 693 - 635 607 376
    cigxustiza.acorunha@gmail.com
  • Compostela:
    604 042 377
    cig.santiago@xustiza.gal
  • Ferrol:
    637 108 945
    cigxustiza.ferrol@gmail.com
  • Lugo:
    639 921 202 - 616 788 881
    cig.lugo@xustiza.gal
  • Ourense:
    636 424 191
    mondraprayer@hotmail.es
  • Pontevedra:
    646 023 058
    josefinaiglesiasdelacampa@yahoo.es
  • Vigo:
    669 760 087
    cig.vigo@xustiza.gal