DENUNCIA DA SITUACIÓN ESTRUTURAL E ORGANIZATIVA DO TRIBUNAL DE INSTANCIA DE VILAGARCÍA DE AROUSA
Tras a visita realizada por este sindicato ao Tribunal de Instancia de Vilagarcía de Arousa e a comprobación "in situ" das condicións de traballo e necesidades existentes, queremos poñer de manifesto a grave situación estrutural e organizativa que padecen estes órganos xudiciais desde hai anos, sen que por parte da Administración se teñan adoptado as medidas necesarias para corrixila.
Cómpre lembrar que desde o ano 2006 se veñen realizando reiteradas reclamacións e denuncias advertindo da necesidade de crear un cuarto e posteriormente xa sería un quinto xulgado (actualmente unha cuarta ou quinta praza), atendendo a carga de traballo. Porén, a pesar destas advertencias e mesmo antes da implantación da Lei de eficiencia, este órganos xudiciais continuaron funcionando cunha dotación claramente insuficiente. A realidade actual é que seguen sen consolidarse. A elevada carga de traballo e a insuficiencia de medios persoais provocan unha continua rotación do persoal, de maneira que moitos funcionarios e funcionarias abandonan o destino pouco tempo despois da súa incorporación. Esta situación impide a estabilidade dos servizos, dificulta a formación e integración do persoal e repercute negativamente na calidade da atención prestada á cidadanía.
A día de hoxe considérase imprescindible reforzar o cadro de persoal mediante a incorporación, cando menos, de catro efectivos do Corpo de Tramitación Procesual e Administrativa e un efectivo do Corpo de Auxilio Xudicial.
Resulta especialmente preocupante a situación das gardas. As gardas de localización están a converterse, na práctica, en gardas máis gravosas que moitas gardas de permanencia, xa que o persoal funcionario está a rematar a súa xornada arredor das 20:00 horas de maneira habitual. Esta situación supón unha sobrecarga laboral dificilmente sostible e evidencia a insuficiencia dos medios actuais.
Debe lembrarse tamén que no seu día existiu un reforzo específico na área de execución que posteriormente foi retirado, a pesar de que as necesidades que motivaron a súa creación continúan plenamente vixentes.
Tras a implantación do novo modelo organizativo e a correspondente reorganización dos servizos, detectáronse ademais importantes deficiencias materiais e funcionais. O persoal do Corpo de Auxilio Xudicial, malia formar parte dun servizo común, non se atopa agrupado nin conta cos medios necesarios para o correcto desempeño das súas funcións. Así, o auxilio xudicial destinado na terceira planta permanece fisicamente separado do resto do servizo, situado na segunda planta, sen dispoñer dun posto de traballo adecuadamente dotado, ao carecer de mesa e ordenador para o desempeño das súas funcións.
Do mesmo xeito, no servizo de garda, un dos postos de auxilio xudicial tampouco dispón dunha mesa de traballo, o que impide contar coas condicións materiais mínimas necesarias para a correcta realización das tarefas encomendadas.
Esta situación resulta absolutamente inadmisible, xa que non só dificulta gravemente a organización e a prestación eficiente do servizo, senón que tamén repercute negativamente nas condicións de traballo do persoal afectado, polo que resulta necesaria a súa inmediata corrección.
Por outra banda, este sindicato tivo coñecemento de que as obras das dependencias xudiciais poderían comezar durante o próximo mes de agosto. Porén, ata o momento, non se trasladou información oficial ningunha por parte da Dirección Xeral de Xustiza. Os únicos planos dos que se ten constancia datan de novembro de 2017, polo que solicitamos información inmediata e detallada sobre:
- A data prevista de inicio das obras.
- O alcance e contido das actuacións que se van executar.
- As medidas organizativas que se adoptarán durante a súa realización.
- A situación do persoal funcionario mentres duren os traballos, especificando se se prevé a súa reubicación temporal, a implantación de sistemas de teletraballo ou calquera outra medida organizativa.
Finalmente, cómpre sinalar que está prevista a incorporación dunha xuíza de reforzo. Esta medida, sendo positiva, resultará insuficiente se non vai acompañada da correspondente dotación de persoal funcionario que permita asumir o incremento da actividade xudicial derivado da súa incorporación.
Por todo o exposto, SOLICITAMOS que se adopten con carácter urxente as medidas necesarias para corrixir as carencias existentes, dotando a este tribunal de instancia, como mínimo, de catro postos do Corpo de Tramitación Procesual e Administrativa e un posto do Corpo de Auxilio Xudicial, así como á mellora das condicións organizativas e materiais correspondentes.
O Tribunal de Instancia de Vilagarcía de Arousa non pode continuar sendo un órgano permanentemente esquecido pola Administración. A falta de medios persoais e materiais repercute directamente tanto nas condicións de traballo do persoal como no dereito da cidadanía a recibir unha tutela xudicial efectiva, áxil e de calidade.
Para ver o xustificante de presentación preme na ligazón:
Buscador
Contacta coa CIG Xustiza
- A Coruña:
657 768 693 - 635 607 376
cig.acoruna@xustiza.gal - Compostela:
639 865 917
cig.santiago@xustiza.gal - Ferrol:
637 108 945
cigxustiza.ferrol@gmail.com - Lugo:
639 921 202 - 616 788 881
cig.lugo@xustiza.gal - Ourense:
636 424 191
mondraprayer@hotmail.es - Pontevedra:
646 023 058
cig.pontevedra@xustiza.gal - Vigo:
669 760 087
cig.vigo@xustiza.gal