PIA 2026: A CIG defenderá un reparto xusto e sen discrecionalidade

Xoves, 05 Mar 2026

O vindeiro xoves 12 de marzo celebrarase a reunión do PIA correspondente ao ano 2026 no ámbito da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

Desde a CIG queremos informarvos de que as nosas propostas serán esencialmente as mesmas que xa defendemos o ano pasado, porque todo indica que a Administración pretende manter o mesmo modelo de reparto.

Aínda non coñecemos os datos definitivos de execución, pero moito nos tememos que o resultado volverá ser o mesmo: fortes diferenzas entre subgrupos e unha parte variable excesivamente discrecional.

Un modelo que xera desigualdade

O funcionamento actual do PIA provoca:
  • Grandes diferenzas na contía media percibida entre subgrupos.
  • Unha parte variábel moi elevada no subgrupo A1.
  • Unha parte variábel mínima nos subgrupos C1 e C2.
  • Diferenzas tamén relevantes no persoal laboral segundo categoría.
Mentres non se modifique a estrutura, a produtividade seguirá sendo un mecanismo que amplía a fenda salarial interna en lugar de reducila.

A asignación discrecional dunha parte importante da bolsa distorsiona o obxectivo do PIA e consolida agravios comparativos.

A produtividade non pode converterse nun instrumento de favoritismo.

O que a CIG volverá esixir no PIA 2026

Na reunión do día 12 defenderemos novamente:

Aumento da parte garantida: Reducir a discrecionalidade e asegurar un reparto máis proporcional e xusto.

Tope claro á parte variable: Estabelecer límites que eviten concentracións desproporcionadas nun único subgrupo.

Transparencia total:
  • Listados completos cos importes percibidos.
  • Estatísticas detalladas por delegacións.
  • Diferenciación entre persoal do CSVA e o resto do subgrupo A1.
Flexibilidade real nas horas adicionais: Posibilidade de realización en modalidade de teletraballo para evitar discriminacións por conciliación ou saúde.

Revisión do sistema do persoal fixo descontinuo: Corrección dos erros e situacións discriminatorias que seguen producíndose.

Negociación real de todas as produtividades: Non aceptaremos decisións unilaterais da Administración sobre quen cobra e canto cobra.

Ademais, volveremos reclamar:
  • Actualización dos módulos retributivos conforme ao incremento do custo da vida.
  • Distribución máis equilibrada por dependencias e áreas.
  • Melloras para o persoal en situacións especialmente protexidas.
  • Inclusión do persoal funcionario en prácticas no PIA.
 
O PIA 2026 non pode ser unha copia do modelo anterior

Se a Administración pretende repetir o mesmo esquema, obterá os mesmos resultados: desigualdade, discrecionalidade e falta de transparencia.

Desde a CIG defenderemos un cambio real no modelo. A produtividade debe basearse en criterios obxectivos, públicos e equitativos.

Seguiremos informando tras a reunión do día 12.