INFORMACIÓN DA MESA SECTORIAL COA DIRECCIÓN XERAL DO 02.06.26
Hoxe asistimos á Mesa Sectorial celebrada coa Dirección Xeral de Xustiza, na que Tronchoni realizou unha valoración positiva da situación actual da Administración de Xustiza en Galiza.
Segundo trasladou ás organizacións sindicais e, malia os numerosos problemas xerados durante a implantación do novo modelo organizativo, a falta de planificación e o escasísimo tempo concedido para poñer en marcha a nova Oficina Xudicial, a Administración considera que a situación está a evolucionar mellor do previsto.
O director xeral insistiu en que, unha vez acadado o acordo económico subscrito cos seis sindicatos (Alternativas, CSIF, CCOO, SPJ-USO, UXT e STAJ), que supuxo o apoio e beneplacito a implantación das RPT, non existía marxe para aprazar a entrada en funcionamento do novo modelo.
Así mesmo, afirmou que os datos dos que dispón a Administración amosan unha evolución positiva (manifesta que en xaneiro só se reduciu un 4% o nivel de traballo) e que os resultados obtidos ata o momento non son tan negativos como cabería agardar á vista dos problemas acumulados durante a implantación. Unha valoración que claramente contrasta coa realidade que trasladan diariamente as traballadoras e traballadores, obrigadas a asumir as deficiencias organizativas e a sobrecarga de traballo derivadas dunha reforma implantada con máis présas que garantías. A CIG solicitou que se dean tamén os datos de baixas e xubilacións provocadas por esta desorganización.
Cuestións relevantes abordadas na Mesa Sectorial:
Implantación de ATENEA e futuro de Minerva
A Dirección Xeral informou de que o sistema de xestión procesual Minerva deixará de estar operativo o 28 de febreiro de 2027. Segundo explicaron, xa existe un convenio para a cesión de ATENEA, aínda que será necesario formalizar un novo acordo para a adquisición das ferramentas imprescindibles para a súa implantación efectiva en Galiza.
Na actualidade existe unha comisión de traballo entre o Ministerio de Xustiza e a AMTEGA para avanzar neste proceso, e a intención da Administración é realizar algunha proba piloto durante o próximo mes de outubro.
Tamén anunciaron que no ano 2027 se pretende implantar unha numeración única para todos os Tribunais de Instancia, con independencia da súa xurisdición.
Desde este sindicato valoramos positivamente que o novo programa ATENEA vaia contar finalmente con versión en galego, unha reivindicación histórica que levamos defendendo desde hai anos. Consideramos imprescindible garantir que a tramitación dos procedementos xudiciais poida realizarse plenamente na nosa lingua, favorecendo así os dereitos lingüísticos da cidadanía e do persoal da Administración de Xustiza.
Creación de novas prazas xudiciais
A Dirección Xeral anunciou a creación de 19 novas prazas de maxistradas e maxistrados e de 7 fiscais. O director xeral limitouse a sinalar que podería abrirse a porta a futuras peticións de incremento de persoal, sen asumir ningún compromiso concreto.
Desde a CIG reiteramos que a creación de novas prazas xudiciais debe ir acompañada necesariamente dun reforzo dos corpos xerais para evitar que continúe aumentando a carga de traballo que soportan os cadros de persoal.
Nova bolsa de persoal interino
A Administración informou de que se presentaron preto de 3.800 solicitudes para a nova bolsa de persoal interino e que as listaxes provisionais poderían publicarse durante o mes de agosto.
Relacións de Postos de Traballo (RPT)
No relativo ás RPT, a Dirección Xeral comunicou que actualmente só existen dúas solicitudes firmes de modificación en toda Galiza: a relativa ás Audiencias Provinciais para asumir funcións de tramitación e execución e a xurisdición de Menores, para que tamén asuma funcións de tramitación e execución. A CIG vai presentar un informe con moitas solicitudes firmes de reforma que esperemos que analice con igual interese.
Sinalética dos Tribunais de Instancia
Segundo informaron, a sinalización exterior dos novos Tribunais de Instancia xa está elaborada, mentres que a sinalización interior continúa pendente de licitación. A Administración pretende implantar un modelo máis moderno e accesible para a cidadanía e para os profesionais, incorporando tamén pantallas informativas.
Reforzos
A Dirección Xeral confirmou que os reforzos vinculados aos antigos órganos xudiciais foron eliminados con efectos do 1 de xaneiro, ao deixar de existir formalmente os órganos aos que estaban adscritos. Con todo, recoñecen que actualmente continúan activos 33 reforzos.
Formación
A Administración continúa sen ofrecer unha formación adecuada ao persoal interino de nova incorporación. A súa posición segue sendo que a formación tecnolóxica en liña existente resulta suficiente, algo que desde este sindicato consideramos absolutamente insuficiente para afrontar con garantías o traballo diario nos órganos xudiciais.
A Dirección Xeral recoñeceu que, a día de hoxe, non existe ningún plan de formación ou capacitación específico para a implantación do novo sistema ATENEA.
Horario de verán
A ampliación do horario de verán continúa pendente da adaptación da correspondente Orde do Ministerio de Xustiza. A Xunta afirma que non pode realizar modificacións ata que esta norma sexa aprobada.
Adecuación dos espazos de traballo
A Dirección Xeral recoñeceu que aínda non existe unha proposta definitiva sobre a adaptación dos espazos de traballo á nova realidade organizativa. Limítanse a indicar que continúan traballando nun modelo máis “dinámico”.
No caso de Pontevedra, anunciaron a apertura da cuarta planta para trasladar a execución.
Teletraballo
O teletraballo segue completamente paralizado. Segundo o director xeral, o borrador que supostamente estaba elaborado quedou sen efecto coa implantación da nova Oficina Xudicial e será necesario redactar un novo texto desde o principio.
Unha vez máis, a Administración acumula retrasos nunha medida amplamente demandada polo persoal e xa implantada noutras administracións públicas.
Comité de Seguridade e Saúde
A convocatoria do Comité de Seguridade e Saúde continúa pendente. A Dirección Xeral xustifica a demora pola existencia de informes aínda sen finalizar.
Respecto ás medicións de radon realizadas en distintos edificios xudiciais, indican que os datos obtidos non presentan, segundo o seu criterio, niveis alarmantes, aínda que recoñecen que aínda deben ser contrastados cos parámetros técnicos correspondentes.
Ferramenta para medir cargas de traballo
Finalmente, a Dirección Xeral informou da posta en funcionamento dunha nova ferramenta informática destinada a avaliar as cargas de traballo nos Tribunais de Instancia.
Segundo explicaron, comezarán agora a utilizar esta aplicación e, unha vez obtidos os primeiros resultados, convocarán novas reunións para abordar a revisión das RPT.
Desde este sindicato seguiremos esixindo que estas avaliacións se traduzan en medidas concretas, reforzos efectivos e creación de postos de traballo suficientes para garantir unhas condicións laborais dignas e un servizo público de calidade para a cidadanía.
Buscador
Contacta coa CIG Xustiza
- A Coruña:
657 768 693 - 635 607 376
cig.acoruna@xustiza.gal - Compostela:
639 865 917
cig.santiago@xustiza.gal - Ferrol:
637 108 945
cigxustiza.ferrol@gmail.com - Lugo:
639 921 202 - 616 788 881
cig.lugo@xustiza.gal - Ourense:
636 424 191
mondraprayer@hotmail.es - Pontevedra:
646 023 058
cig.pontevedra@xustiza.gal - Vigo:
669 760 087
cig.vigo@xustiza.gal