NOVA DENUNCIA ANTE A INSPECCIÓN DE TRABALLO POR NON FACILITAR AS LECTURAS DE RADON ÁS DELEGADAS/OS DE PREVENCIÓN

Martes, 27 Out 2026

Este sindicato continúa dando pasos para conseguir os resultados das medicións de radon e esixir á Dirección Xeral de Xustiza que cumpra coas súas obrigas en materia de prevención de riscos laborais e protección da saúde do persoal.

Como xa informamos, a primeira denuncia presentada ante a Inspección de Traballo tiña como obxectivo reclamar pola demora na entrega dos resultados das medicións de radon. Trasladado o expediente ao Consello de Seguridade Nuclear (CSN), por considerar a Inspección que os feitos denunciados non eran da súa competencia, este organismo comunicounos o arquivo do expediente, ao non admitir a denuncia como tal, sen prexuízo de que poida levar a cabo as actuacións que considere oportunas no exercicio das súas funcións de inspección, supervisión e control.

Ante esta resposta, este sindicato remitiu un novo escrito ao Consello de Seguridade Nuclear solicitando información e aclaracións sobre as actuacións que prevé desenvolver, se é o caso, no exercicio das devanditas funcións en relación coas medicións de radón e coa situación denunciada. Consideramos necesario coñecer que pasos pode dar este organismo e que actuacións se poden levar a cabo para esclarecer os feitos e garantir a debida protección da saúde das traballadoras e dos traballadores.

Con anterioridade, presentamos unha denuncia ante a Inspección de Traballo pola demora na obtención dos resultados das medicións de radon. Agora, unha vez que a Dirección Xeral de Xustiza xa dispón destes resultados, o problema é outro: a falta de comunicación dos mesmos aos delegados e delegadas de prevención e ao conxunto das traballadoras e dos traballadores.

Por este motivo, presentamos hoxe unha nova denuncia ante a Inspección de Traballo, nesta ocasión pola falta de traslado dunha información esencial para a prevención de riscos laborais, cuxo acceso debe estar garantido de conformidade co establecido na normativa de prevención de riscos laborais.

A Dirección Xeral de Xustiza ten a obriga de facilitar esta información ao persoal e aos seus representantes en materia preventiva, conforme á normativa de prevención de riscos laborais. Non é admisible que, dispoñendo xa dos resultados, se manteña ao persoal sen esta información. Non estamos reclamando un favor nin unha concesión da Administración: estamos esixindo información sobre un risco laboral e o cumprimento das obrigas legais en materia de prevención.

Este sindicato seguirá utilizando todas as vías ao seu alcance, tanto ante a Inspección de Traballo como ante os organismos competentes, para aclarar a situación, conseguir os resultados das medicións e esixir que se informe debidamente tanto aos delegados e delegadas de prevención como ao conxunto do persoal.


Buscador

Contacta coa CIG Xustiza

  • A Coruña:
    657 768 693 - 635 607 376
    cigxustiza.acorunha@gmail.com
  • Compostela:
    604 042 377
    cig.santiago@xustiza.gal
  • Ferrol:
    637 108 945
    cigxustiza.ferrol@gmail.com
  • Lugo:
    639 921 202 - 616 788 881
    cig.lugo@xustiza.gal
  • Ourense:
    636 424 191
    mondraprayer@hotmail.es
  • Pontevedra:
    646 023 058
    josefinaiglesiasdelacampa@yahoo.es
  • Vigo:
    669 760 087
    cig.vigo@xustiza.gal