XUNTANZA CO NOVO PRESIDENTE DA AUDIENCIA PROVINCIAL DE PONTEVEDRA
Na reunión mantida onte co presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra, este sindicato trasladoulle un informe por escrito, ademais de expoñer verbalmente as principais problemáticas existentes nos Tribunais de Instancia da provincia de Pontevedra.
Durante o encontro abordáronse as seguintes cuestións:
• Problemas na axilidade da cobertura de baixas e vacantes, así como a necesidade de dotar de persoal funcionario as novas prazas xudiciais que se vaian creando, garantindo que vaian acompañadas dos recursos humanos necesarios.
• Insuficiencia de persoal tras a implantación da Lei de eficiencia, especialmente nos servizos comúns xerais, nos servizos comúns de tramitación da xurisdición voluntaria e dos procedementos declarativos, así como nos servizos comúns de execución.
• Sobrecarga de traballo nos Tribunais de Instancia de Ponteareas e Vilagarcía de Arousa, sen esquecer as necesidades existentes noutros partidos xudiciais como O Porriño, Lalín e outros tribunais da provincia, que tamén precisan reforzos de persoal para poder atender adecuadamente as súas funcións.
• Elevada rotación de xuíces e xuízas, letrados e letradas da Administración de Xustiza e persoal funcionario, especialmente nos partidos xudiciais de Ponteareas e Vilagarcía de Arousa, unha situación que dificulta a estabilidade dos tribunais.
• Desigualdade de criterios organizativos entre os distintos Tribunais de Instancia, reclamando unha maior coordinación, unificación de pautas e homoxeneidade na organización do traballo, co obxectivo de garantir un funcionamento máis eficaz e equilibrado dos servizos.
• Incremento da pendencia en determinados servizos, así como a incidencia negativa da sobrecarga de traballo sobre o clima laboral, afectando ao benestar do persoal e ao normal desenvolvemento da actividade diaria.
• Situación do servizo de gardas de Vilagarcía de Arousa, onde as gardas de dispoñibilidade están a converterse, na práctica, en gardas de permanencia, sen que exista unha adecuación da organización nin dos medios persoais á carga real de traballo existente.
• Deficiencias na implantación do Expediente Xudicial Electrónico e do modelo de Papel Cero, reclamando unha implantación real, efectiva e homoxénea en todos os órganos xudiciais, acompañada dos medios técnicos necesarios para garantir o seu correcto funcionamento.
• Necesidade de reforzar a formación práctica do persoal de nova incorporación. O presidente coincidiu en que a formación é esencial para o bo funcionamento da Administración de Xustiza e mostrouse favorable á creación dun grupo de persoas formadoras o tutoras, ou de ser o caso tutores con prolongación de xornada.
Sobre este tema, trasladámoslle a súa intención de impulsar a creación dunha aula de formación na Audiencia Provincial de Pontevedra.
O presidente da Audiencia Provincial tamén trasladounos tamén que ten a intención de crear unha sala de Atención amable, para atender a persoas violencia de xenero ou en situación de especial vulnerabilidade. Así mesmo, manifestou que impulsaría as actuacións necesarias para eliminar as barreiras arquitectónicas existentes na audiencia de Pontevedra, e garantir que as persoas con mobilidade reducida, especialmente aquelas que acceden en cadeira de rodas, poidan utilizar as instalacións en condicións de plena accesibilidade e igualdade.
En materia de prevención de riscos laborais, tamén lle fixemos chegar a nosa preocupación pola falta de comunicación dos resultados das medicións de radón por parte da Dirección Xeral. O presidente compartiu esta preocupación e manifestou que realizará as xestións oportunas para que se informe canto antes dos resultados obtidos e se adopten, no seu caso, as medidas correctoras necesarias, como a instalación de sistemas de ventilación mecánica.
O presidente da Audiencia Provincial mostrouse receptivo ás cuestións expostas e manifestou que, dentro das competencias que ten atribuídas, tratará de impulsar aquelas actuacións que poidan contribuír a mellorar a situación e o funcionamento dos Tribunais de Instancia da provincia de Pontevedra.
Así mesmo, trasladou a súa disposición a manter unha comunicación aberta e fluída con este sindicato, co obxectivo de que poidamos facerlle chegar as problemáticas que se vaian detectando.
Desde este sindicato valoramos positivamente a disposición ao diálogo e a receptividade amosada polo presidente da Audiencia Provincial.
Buscador
Contacta coa CIG Xustiza
- A Coruña:
657 768 693 - 635 607 376
cig.acoruna@xustiza.gal - Compostela:
639 865 917
cig.santiago@xustiza.gal - Ferrol:
637 108 945
cigxustiza.ferrol@gmail.com - Lugo:
639 921 202 - 616 788 881
cig.lugo@xustiza.gal - Ourense:
636 424 191
mondraprayer@hotmail.es - Pontevedra:
646 023 058
cig.pontevedra@xustiza.gal - Vigo:
669 760 087
cig.vigo@xustiza.gal